O xoves, 18 de marzo do 2010, fomos de excursión a Meiro (Bueu), a ver como se facía o pan de millo. A festa que fan chámase “Millo Corvo”.
Fomos en autobús os dous cursos, 5º e 6º. A viaxe só durou 10 minutos. Cando chegamos a Meiro, o primeiro que fomos facer foi ir ver como se poñían as espigas no hórreo. As espigas eran moradas, unhas estaban colgadas no teito e outras, en montañas, no chan.
Despois fomos a casa dunha señora chamada Pepa a ver como se fan as brasas no forno e como era o pan de millo, pero claro, aínda estaba crú. Menos mal que saímos de alí, porque facía moita calor.
Cando saímos fomos ver os muíños e como se facía a fariña. Primeiro botábanse os grans de millo na moega. Eses grans ían parar á moa, que coa axuda do cacarexo, que é un pau, triturábaos e entón xa estaba lista a fariña.
Déronnos un pouco de fariña para probar e fomos ver dous muíños máis.
Cando acabamos de ver os muíños fomos de novo á casa de Pepa. A maioría dos nenos peneiraron a fariña. Facíase cunha peneira e caía nunha bacía.
Xa era hora de probar o pan de millo. Era morado por dentro, igual que as espigas. O pan estaba bo. Eu comín dous trozos, como a maioría.
Xa era hora de marcharse. Despedímonos das persoas que nos acompañaron e volvemos en autobús para o Colexio de “A Rúa”.
Javi Mariño